LINGUA VITAL XA!
2025-2026
Deseño da campaña de comunicación da convocatoria da manifestación pola lingua convocada por Queremos Galego. Co lema "Lingua vital xa!" búscase transmitir a forza, a esperanza e a confianza na capacidade que temos como pobo para reverter a situación de emerxencia na que está a nosa lingua. Un idioma deixa de estar vivo cando non se fala. Apelamos a esa vitalidade convidando a berrar con forza este lema, ao estilo Son Goku, con enerxía e determinación. Continúase coa traxectoria de Queremos Galego de emitir unha mensaxe en positivo e márcase un tempo: ten que ser xa, non podemos demorar máis en cambios políticos efectivos en prol da lingua.
Cliente: Queremos Galego
A nivel audiovisual, esta campaña está composta de tres materiais diferentes: unha animación divulgativa sobre que fitos históricos marcaron a situación sociolingüística actual do galego, un vídeo promocional convocando a asistir á manifestación e pílulas de vídeo nas que persoas influentes se adheriron publicamente á convocatoria de Queremos Galego.
En 2026, Queremos Galego aproveita este lema e impulsa o Proceso Lingua Vital con medidas específicas para frear a emerxencia lingüística. Para divulgalo, Illa Bufarda realiza un cartel inspirado na guerrilla contrapublicitaria cun QR que leva á web con información deste proceso. A continuación, deseñamos outro cartel coa estética dos protocolos de evacuación coa convocatoria a un acto de presentación do Lingua Vital. Neste acto, proxéctase un vídeo divulgativo que explica o contexto sociolingüístico no que xorde este proceso e explica as súas medidas principais.









