HAI QUE VERSE NELAS!

HAI QUE VERSE NELAS!
2026
Hai que verse nelas! é un proxecto de intervención artística liderado por mulleres de San Sadurniño, As Pontes e Moeche que pon en valor os relatos de referentes locais femininos.
Os relatos destas protagonistas fían coa historia recente dos dereitos das mulleres, coa igualdade, co feminismo e co desexo dun mundo libre de violencias machistas. Todas elas queren transmitir unha mensaxe ás xeracións máis novas sobre a importancia dos dereitos gañados, as loitas coas que se conseguiron estas conquistas e o fácil que sería perdelos nun futuro.







Ao longo de trece sesións de traballo o grupo de mulleres traballou arredor de temáticas como o feminismo, os dereitos das mulleres, as violencias machistas, os coidados, a representación das mulleres na fotografía ao longo da historia ou o retrato fotográfico. Realizáronse diferentes dinámicas de traballo creativo para afondar nun discurso común, escollido e desenvolto democraticamente.
Lideran esta creación: Lucía Ríos Dopico, Maca Piñeiro Rego, María Filgueiras García, Raquel López Piñeiro, Silvia López Rodríguez, Susana Vilaboi Cabarcos
Protagonizan as historias: Charo Cuba Penabad, Josefa Fernández Couce, Laura Díaz León, María del Carmen Calvo López, Maricarmen Otero González, Remedios Hernández Adeba, Silvia Caffaro Napoli.
Hai que verse nelas! é un proxecto impulsado por Arabías e Illa Bufarda, acollido por O Lavadoiro, coa colaboración dos Concellos de San Sadurniño e As Pontes e financiado polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade ao abeiro da convocatoria 2025 de subvencións para o fomento da igualdade de xénero destinadas á promoción, creación, produción e difusión artística e cultural.
OUTROS TRABALLOS
RAÍCES. DA UTOPÍA EN DIANTE

RAÍCES. DA UTOPÍA EN DIANTE
2024
Raíces. Da utopía en diante é unha curtametraxe de ficción utópica que vén a ser a culminación dun obradoiro de creación colectiva coordinado por Feitoría Verde e realizado coas mulleres da Asociación Veciñal O Reguiño na parroquia de Biduído en Ames.
O desenvolvemento da curtametraxe realizouse durante meses e viu a destacar a capacidade transformadora dos procesos creativos, onde o audiovisual pasa a ser unha linguaxe de cohesión que permite crear relatos e achegarse a novas realidades.
Cliente: Feitoría Verde
Raíces. Da utopía en diante conta co apoio á distribución da Deputación da Coruña. Esta curtametraxe proxectouse en:
- 15 de maio de 2025 no Auditorio A Fábrica de Oleiros. Organizado por CEIDA.
- 17 de setembro de 2025 na Fundación Seoane da Coruña. Festival Elas son Artistas.
- 23 de decembro de 2025 no Centro Cultural Mahía na parroquia de Bugallido en Ames.
- 15 de xaneiro de 2026 no Centro Sociocultural de Vedra.
- 23 de xaneiro de 2026 no Auditorio do Concello de Padrón.
- 19 de febreiro de 2026 na Facultade de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela.
- 19 e 20 de febreiro de 2026 na Facultade de Educación Social dentro da materia Pegadoxía Social I, na Universidade da Coruña.
- 26 de marzo de 2026 para o alumnado do IES de Muros, A Coruña.
- FIN DE XIRA 17 de abril de 2026 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela.
























