SAÚDE, PRACER, REPÚBLICA E TERRA MALVA

SAÚDE, PRACER, REPÚBLICA E TERRA MALVA

2025

Investigación arredor de Lola Ferreiro Díaz, figura clave na psiquiatría, na educación, na recuperación da memoria e un dos piares fundamentais dos activismos feministas na Galiza. Loitou polos dereitos das mulleres e estableceu relacións de coidado e acompañamento a moitas persoas e institucións creando unha rede de afectos e vínculos que deixou gran pegada logo do seu pasamento.

 

Trátase dunha iniciativa de Ute-pías Feministas, un colectivo formado por Feitoría Verde, Arabías, Atalaias, Libraría Lila de Lilith e Illa Bufarda.

 

Este proxecto foi gañador do Premio Luísa Villalta 2025 da Deputación da Coruña e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega.

 

Deseñamos a identidade gráfica do proxecto e os contidos para as redes sociais. Tamén realizamos a web narepublicamalva.gal, o espazo virtual que recolle a investigación arredor de Lola Ferreiro Díaz no que tamén incluímos varios colaxes feitos na Illa Bufarda.

 

O nome do proxecto é unha frase de Lola coa que sempre pechaba os brindes: “Saúde, pracer, república e terra malva!”


RECOÑECE A ESS

RECOÑECE A ESS

2025

Deseño de materiais de difusión para feiras e eventos, elaboración de contidos para redes sociais, estratexia de comunicación e desenvolvemento dunha identidade gráfica e visual do proxecto Recoñece a Economía Social e Solidaria: avanzando na axenda 2030 a través da Auditoría Social.

Cliente: REAS Galicia

Elaboramos os diferentes aplicativos gráficos: un totem, un roll-up e un elemento interactivo para feiras.

 

Tendo como base o logotipo que creamos para Recoñece a ESS, deseñamos un selo para identificar ás empresas que participan na Auditoría Social. Ademais, conxuntamente con Maos Innovación Social, desenvolvemos a páxina web do proxecto: economiasocialsolidaria.gal


PRONÚNCIATE! CON NOME E APELIDOS EN GALEGO

PRONÚNCIATE! CON NOMES E APELIDOS EN GALEGO

2026

Deseño da campaña de comunicación para promover a restauración dos nomes e apelidos en galego. Trátase dunha iniciativa que non está ligada a unha data concreta polo que é importante que poida perdurar no tempo e de acompañar tanto á militancia do partido como á sociedade en xeral no proceso de recuperación dos nomes e apelidos en galego. Cunha identidade visual clara e materiais atemporais, pretende ofrecer ferramentas útiles, accesibles e motivadoras para dar este paso.

 

A campaña quere ter un carácter excepcional e mobilizador: agora, é o momento. Visibilizamos que cambiar é sinxelo, necesario e que supón recuperar a nosa liberdade, identidade e memoria colectiva, nun acto de xustiza e aliñación de valores.

Cliente: Bloque Nacionalista Galego

Ademais dos materiais audiovisuais, elaboramos os seguintes elementos gráficos: cartel, díptico, pegatinas para coche, lápices, banners para prensa e deseños para redes sociais.


ANDERSON

ANDERSON  

2025

Creación dos visuais para Anderson, o espectáculo de Cantigas e Agarimos sobre a viaxe e a obra da fotógrafa Ruth Matilde por Galiza en 1925. Visitamos as localizacións de once das súas fotografías para recrear o encadre coas nosas cámaras e completar a composición co elenco sobre o escenario. Tamén deseñamos o cartel da obra, materiais para a súa difusión nas redes sociais, o tráiler do espectáculo e a cobertura fotográfica.

Cliente: Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos


FICHA POLO GALEGO

FICHA POLO GALEGO

2025

Deseño da campaña de comunicación para o fomento do uso da lingua galega na comunidade deportiva de Santiago de Compostela.

O lema emprega a palabra "fichar" como metáfora común no ámbito deportivo que está asociada á acción de incorporarse a un equipo, de tomar partido, de sumarse. A campaña estruturarase arredor dun compromiso a prol do galego que convida a implicarse a toda a comunidade deportiva (clubs, deportistas, persoal do adestramento e da arbitraxe, familias e seareiras).

Cliente: Concello de Santiago de Compostela

Elaboramos diferentes aplicativos gráficos e audiovisuais como elementos para redes sociais, cartel da campaña, muppies, lona e cuña sonora para as instalacións deportivas, traseira de bus, pulseiras, camisetas para sorteos en Redes e pílulas de vídeo co testemuño de persoas relevantes no deporte local.


BÓTALLE COLLÓNS

BÓTALLE COLLÓNS

2025

Deseño da campaña de comunicación para o concello de Arzúa con motivo do 25N.

 

Esta campaña é unha proposta creativa directa e provocadora que resignifica unha expresión tradicionalmente asociada á virilidade para interpelar aos homes e convidalos a cuestionar as violencias cotiás contra as mulleres. A través de mensaxes que combinan o lema principal con situacións de acoso ou intimidación facilmente recoñecibles, a campaña procura visibilizar e nomear estas condutas, evitar a súa naturalización e abrir a porta a alternativas de relación máis respectuosas e igualitarias, establecendo continuidade coa pasada campaña na que se empregou o cancelo #eusondobenquerer.

Cliente: Concello de Arzúa

Elaboramos os diferentes aplicativos gráficos tales como: cartelería, carrusel para redes sociais, díptico das actividades e deseño de muppies a grande formato.


LINGUA VITAL XA!

LINGUA VITAL XA!

2025-2026

Deseño da campaña de comunicación da convocatoria da manifestación pola lingua convocada por Queremos Galego. Co lema "Lingua vital xa!" búscase transmitir a forza, a esperanza e a confianza na capacidade que temos como pobo para reverter a situación de emerxencia na que está a nosa lingua.

 

Un idioma deixa de estar vivo cando non se fala. Apelamos a esa vitalidade convidando a berrar con forza este lema, ao estilo Son Goku, con enerxía e determinación. Continúase coa traxectoria de Queremos Galego de emitir unha mensaxe en positivo e márcase un tempo: ten que ser xa, non podemos demorar máis en cambios políticos efectivos en prol da lingua.

 

Cliente: Queremos Galego

Elaboramos os seguintes elementos gráficos: cartel, tríptico, lonas, banners para prensa e deseños para redes sociais.

A nivel audiovisual, esta campaña está composta de tres materiais diferentes: unha animación divulgativa sobre que fitos históricos marcaron a situación sociolingüística actual do galego, un vídeo promocional convocando a asistir á manifestación e pílulas de vídeo nas que persoas influentes se adheriron publicamente á convocatoria de Queremos Galego.

En 2026, Queremos Galego aproveita este lema e impulsa o Proceso Lingua Vital con medidas específicas para frear a emerxencia lingüística. Para divulgalo, Illa Bufarda realiza un cartel inspirado na guerrilla contrapublicitaria cun QR que leva á web con información deste proceso. A continuación, deseñamos outro cartel coa estética dos protocolos de evacuación coa convocatoria a un acto de presentación do Lingua Vital. Neste acto, proxéctase un vídeo divulgativo que explica o contexto sociolingüístico no que xorde este proceso e explica as súas medidas principais.


RAÍCES. DA UTOPÍA EN DIANTE

RAÍCES. DA UTOPÍA EN DIANTE

2024

Raíces. Da utopía en diante é unha curtametraxe de ficción utópica que vén a ser a culminación dun obradoiro de creación colectiva coordinado por Feitoría Verde e realizado coas mulleres da Asociación Veciñal O Reguiño na parroquia de Biduído en Ames.

 

O desenvolvemento da curtametraxe realizouse durante meses e viu a destacar a capacidade transformadora dos procesos creativos, onde o audiovisual pasa a ser unha linguaxe de cohesión que permite crear relatos e achegarse a novas realidades.

Cliente: Feitoría Verde

A escritura de guión converteuse nun proceso invisible grazas a múltiples dinámicas e xogos que serviron de motor para a creatividade en colectivo. Os vínculos estiveron presentes de inicio a fin, como ferramenta educativa e como motor para a transformación social.

Raíces. Da utopía en diante conta co apoio á distribución da Deputación da Coruña. Esta curtametraxe proxectouse en:

  • 15 de maio de 2025 no Auditorio A Fábrica de Oleiros. Organizado por CEIDA.
  • 17 de setembro de 2025 na Fundación Seoane da Coruña. Festival Elas son Artistas.
  • 23 de decembro de 2025 no Centro Cultural Mahía na parroquia de Bugallido en Ames.
  • 15 de xaneiro de 2026 no Centro Sociocultural de Vedra.
  • 23 de xaneiro de 2026 no Auditorio do Concello de Padrón.
  • 19 de febreiro de 2026 na Facultade de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela.
  • 19 e 20 de febreiro de 2026 na Facultade de Educación Social dentro da materia Pegadoxía Social I, na Universidade da Coruña.
  • 26 de marzo de 2026 para o alumnado do IES de Muros, A Coruña.
  • FIN DE XIRA 17 de abril de 2026 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela.


QUE A VERGOÑA SEXA DELES

QUE A VERGOÑA SEXA DELES. PARA NÓS, O BENQUERER

2024

Deseño da campaña de comunicación para o concello de Arzúa con motivo do 25N.

 

A idea central responde á necesidade e desexo de visibilizar que a vergoña debe cambiar de bando e que se deconstrúa o perfil estereotipado dos homes maltratadores. Búscase concienciar á sociedade arredor da violencia de xénero ofrecendo datos, que trasladados ao territorio que nos ocupa, poidan ter un impacto sobre os diferentes tipos de maltrato. A intención é rachar co silencio e convidar ao pobo a non ser cómplice ante a violencia cara as mulleres.

 

Esta campaña tamén propón unha alternativa: ser do benquerer para relacionarnos de xeito respectuoso, feminista e igualitario.

Cliente: Concello de Arzúa

Elaboramos os diferentes aplicativos gráficos tales como: elementos para redes sociais, díptico das actividades que o concello ofrece polo 25N, carteis das actividades, bolsas para os comercios, manteis para os bares de Arzúa, muppies e unha lona para o concello fixeron visible esta campaña no municipio.


ALINGUA

ALINGUA

2022, 2023

Campaña de comunicación realizada para dar a coñecer a nova asociación Alingua e fomentar o uso e o coñecemento do galego.

Cliente: Alingua

Comunicación en medios: Con C de Comunicación

Deseño en web e identidade corporativa: Desoños

Produción e creación de contidos da unidade didáctica: Maos Innovación Social S. Coop. Galega

Operadoras de cámara de apoio na Cartografía Sensorial: Aqueladas S. Coop e Sonia García

Fotografías do acto de presentación: Denís Estevez

Desenvolvemos unha intensa actividade en redes sociais con materiais propios, audiovisuais, sorteos, adhesivos para conversas en liña, sintonía propia, filtro de Instagram e colaboracións de persoas referentes.

 

Para fomentar a presenza da asociación nos seus concellos, póñense a disposición da veciñanza bandeirolas e adhesivos para o comercio local. Ademais, creamos unha sección nas redes sociais con frases destacadas de veciños e veciñas desas localidades con proxección pública e compromiso coa lingua. Ideamos os Alinguaclips, deseños para dar a coñecer curiosidades relacionadas coa lingua e a cultura en cada concello. Tamén realizamos unha Cartografía Sensorial na que cada concello comparte unha cor identificativa e tres postais sonoras que reflicten a riqueza lingüística de cada lugar.

 

Para os centros educativos, deseñamos unha unidade didáctica e un póster para traballar na aula con persoas referentes no uso do galego en diversos ámbitos.

Realizamos o deseño e a produción do acto público de presentación da Asociación de entidades locais pola lingua galega, Alingua.


Illa Bufarda S. Coop. Galega
Programa ES-TRANSFORMA — Economía Social
Operación subvencionada pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade e financiada polo Servizo Público de Emprego Estatal

Privacy Preference Center